Cantante e compositora, Antía Muíño forma parte dunha nova xeración que entende a canción como un espazo de verdade. Un son cálido e contemporáneo onde a emoción manda e cada letra invita a parar un intre.
Antía Muíño é cantante, guitarrista e compositora, unha das voces máis relevantes da nova canción ibérica. Na súa música, os ecos das voces da súa terra natal, Galicia, resoan xunto á canción de autor, o jazz ou o pop.
De formación clásica, Antía medra tamén vencellada á música tradicional galega e, paralelamente, descobre e afonda noutros estilos, principalmente o jazz e a música popular iberoamericana. Este eclecticismo convértea nunha artista dificilmente clasificable, que procura fuxir de etiquetas e clichés e que nada sen complexos entre todas estas augas para transmitir unha voz versátil e poliédrica, á vez que profundamente persoal e singular.
O seu primeiro traballo, Carta Aberta (2022), convértese nun pequeno fenómeno dentro do circuíto, superando os dous millóns de reproducións nas plataformas e levando á artista a presentalo en numerosos puntos da xeografía estatal, así como internacionalmente en Portugal, Marrocos ou a República Checa. Con este álbum, Antía escribe novas liñas para a música de autor ibérica, consolidándose non só como unha das voces da “nova canción galega”, senón tamén como unha referencia da canción alternativa de autor.
Anfibia Por Veces (2026) é o título do seu segundo traballo, un disco ecléctico e sorprendente no que a artista explora novas sonoridades e eleva o estilo intimista e o son acústico que a caracterizan. Este álbum é o resultado do traballo conxunto co destacado productor galego Hevi, (Malandrómeda, Caamaño&Ameixeiras, Mondra, Novedades Carminha) e nel a artista reflexiona acerca de grandes temas universais como son a identidade, o amor, a procura dunha mesma ou o sentimento de pertenza. Antía reivindica tamén o papel da muller como creadora e instrumentista, incluíndo colaboracións con músicas destacadas da escena galega, como son Lilaina, Brassica Rapa e Margarida Mariño.
Colaboradora habitual de Baiuca e parte da xira de Barullo, Antía traballou tamén con outros artistas da talla de Xabier Díaz, Las Migas, Caamaño&Ameixeiras, Mondra, a vasca Süne ou o brasileiro ZéVitor. En 2024 únese co pianista Abe Rábade para publicar un EP de dobre cara, Vente vindo / Eu en ti, no que ambos os artistas unen as súas sensibilidades arredor da música de autor e do jazz.
Entre os numerosos lugares onde se ten presentado en directo destacan o Festival de Jazz de San Sebastián (Heineken Jazzaldia), Veranos de la Villa, Inverfest e Sound Isidro (Madrid), Os Xoves de Códax, Jazz ao Norte, Festival Maré, Festival de la Luz, Festival do Pasatempo, Surfing The Lérez (Galicia), Atlantikaldia , Bidasoafolk e Urdufolk (Euskadi), e Festival N2, Noroeste, IKFEM e MUMI en Portugal. No ano 2023 presenta Carta Aberta en numerosos puntos da xeografía estatal, sendo seleccionada pola AIE (Asociación de Intérpretes y Ejecutantes) para xirar por todo o Estado.
Grazas á colaboración co Instituto Cervantes e AIE realiza unha xira en Marrocos e é seleccionada tamén para participar na maior feira musical de África: o Visa For Music (Rabat). Tamén forma parte do festival Iberian Waves en Praga (República Checa) e participa nos Concertos de Radio 3, sendo retransmitida a súa actuación na 2 de RTVE.




Antía é Graduada en Interpretación (especialidade Guitarra) polo Conservatorio Superior de Música do País Vasco (Musikene). Esta formación proporcionoulle unha base sólida tanto a nivel técnico como interpretativo, traballando o instrumento desde a precisión, o criterio musical e a disciplina do estudo diario.
Grazas a ese percorrido, afronta a guitarra non só como acompañamento, senón como parte esencial da interpretación: coidando a sonoridade, os matices e a maneira de construír cada tema con intención e coherencia.